XVI Certamen Galego de Bandas de Música
Os pasados 28 e 29 de outubro celebrouse a décimo sexta edición do Certame de Bandas organizado pola Federación Galega de Bandas de Música. Esta vez, aconteceu nas excelentes instalacións do auditorio de Narón.
Participaron 11 bandas repartidas en 5 categorías: infantil, xuvenil, terceira, segunda e primeira. Este ano cabe destacar a participación de dúas bandas procedentes de fóra de Galicia: a Sinfónica Juvenil Maestro Lupi de Benavente, e a Banda de la Asociación Musical Harmonía de Parla.
A Agrupación Musical da Limia tivo o pracer de participar na sección Infantil coa Chikiband da Limia, e na sección segunda coa banda da Agrupación Musical, acadando uns resultados excelentes e inesperados para os seus músicos.
A Chikiband da Limia, dirixida pola mestra María Mendoza, interpretou Mitos Galegos de Frank. J. Cogollos como obra obrigada e o pasodobre Chikiband, composto por Lionel Beltrán-Cecilia, dedicado á esta formación. A súa actuación tivo lugar o sábado 28 pola mañá.
Tras dalo todo en escena, os pequenos músicos retiráronse contentos polo concerto que ofreceron e o xurado decidiu adxudicarlles 232,5 puntos. Deste modo, acadaron o segundo premio, a apenas 35 puntos do primeiro posto. Isto foi todo un logro para unha banda tan pequena e con tan pouca experiencia, pois moitos dos músicos tiñan menos de 14 anos.
Ao día seguinte, foi a quenda da banda da Agrupación Musical da Limia. Tocaron ás 16:00 da tarde, baixo a batuta de D. José Luis Tielas, director desde 2015.
O repertorio compúñase do pasodobre Manolito el Vaquero, da xa mencionada compositora María Mendoza, como obra obrigada Metamorfose sobre o Himno Galego, do mestre León Durán, e como obra libre Dunkirk, do mestre Jose Alberto Pina.
A Agrupación atopábase segura nas obras de Mendoza e Pina, pois xa tiñan dominio sobre elas e trátase de obras cunha linguaxe moi adecuada para bandas de música. Por contra, a composición do mestre Durán conta cunha linguaxe que se acerca máis ao contexto de orquestra sinfónica, converténdose en todo un desafío en canto á dirección e á interpretación.
Despois de varios meses de traballo, enfrontadas as dificultades e sendo conscientes do alto nivel musical do certame, os compoñentes da agrupación non estaban enfocados a acadar a vitoria. Máis ben a mentalidade era a de facer o mellor concerto posible e demostrar que todo o traballo e esforzo pagou a pena. Pero, sobre todo, gozar do que máis lles gusta: a música.
Por iso, a sorpresa foi absoluta cando se anunciou que o xurado decidira outorgarlle á banda 507,75 puntos sobre 600, acadando o primeiro posto da súa categoría. Os momentos seguintes pódense resumir en berros de alegría, apertas, bicos e lágrimas. No fin de contas, todo o traballo e esforzo foi recoñecido, sumándose un novo logro para o conxunto formado, principalmente, por persoas afeccionadas e mesmo por xente que nunca estudou nun conservatorio.
Tras un segundo e un primeiro premio, os músicos da Agrupación xa contaban cuns niveis de euforia descontrolados, pero inda non remataran as emocións. Como última sorpresa, o premio ao mellor director recaeu nas mans de José Luis Tielas, o director da Agrupación. Euforia tripla para o conxunto.
Os comezos de D. Tielas na banda hai 9 anos pódense considerar humildes, e resulta agradable ver como, despois de tantas vivencias, traballo e formación, o director segue a manter a mesma humildade cando, ao recoller o premio, pronunciou as seguintes palabras:
«O meu traballo non vale de nada sen o marabilloso equipo artístico que teño detrás.»
Suscitaron alegría máxima nos integrantes estas palabras mais, tendo que retomar as clases e o traballo ao día seguinte e cun horario axustado de transporte, non houbo tempo para as celebracións. De seguro a troula chegará ao seu debido tempo, pois esta agrupación é coñecida por armar boas festas.