Actuación o Sábado de Entroido 2024

Actuación o Sábado de Entroido 2024
Cañita Brava coa Agrupación Musical da Limia

Coma tódolos anos, a Agrupación Musical da Limia volve a animar a tarde do sábado de entroido, pero esta vez cun convidado especial: nin máis nin menos que o cómico e cantante Cañita Brava.

A actuación compúxose por tres pases, pero a festa abriuse cunha pequena performance sobre un barco mariñeiro que é afundido, e acábase transformando nun barco fantasma. Despois, deu comezo o primeiro pase, composto por música latina principalmente.

O segundo pase foi o momento de protagonismo para o convidado especial deste ano, Cañita Brava. Interpretou algúns dos seus temas más populares, como o Merengue Caña Brava, a Creación del Amor ou Celanova. Para os músicos foi todo un desafío seguir o implacable ritmo do mestre Cañita, pero ante todo unha experiencia que nunca esquecerán.

Os músicos deguisados de mariñeiros para a ocasión

Como terceiro e último pase, o conxunto interpretou temas variados de diferentes estilos e épocas. Mais os asistentes, sedentos de entroido, mostraron tal entusiasmo que finalmente a banda extendeu un pouco a súa intervención cun xeneroso vis, no que Cañita Brava puxo a puntada final con algúns temas.

Unha tarde de entroido estupenda, o único que se pode lamentar é que o tempo non acompañara, e que algúns entroideiros entusiastas entorpeceran lixeiramente a actuación cos seus altofalantes. Pero ese é o espírito do entroido: unha festa na que cada un aporta o que quere, e a Agrupación estará encantada de aportar a súa música moitos anos máis.

Cartel da actuación
Cartel da actuación