Xove Orquestra Ourensanía


A Xove Orquestra Ourensanía é unha formación sinfónica promovida pola Agrupación Musical da Limia co obxectivo de fomentar a actividade musical sinfónica na provincia de Ourense e consolidar os valores artísticos, culturais e educativos do territorio. Trátase da primeira orquestra sinfónica provincial, un proxecto pioneiro que ofrece aos mozos e mozas ourensáns a posibilidade de desenvolver a súa formación orquestral sen ter que desprazarse a outras provincias ou comunidades autónomas, como Pontevedra, A Coruña ou mesmo fóra de Galicia.
Baixo a dirección artística de José Luis Tielas Santiago e a coodirección de María Mendoza, a orquestra combina a excelencia interpretativa cun firme compromiso educativo e territorial, impulsando o desenvolvemento musical da provincia mediante a formación, a divulgación e a creación de repertorio propio vencellado á identidade galega.
A Orquestra Ourensanía conta co apoio institucional da Excma. Deputación Provincial de Ourense e da UNED Ourense, entidades que colaboran activamente na programación anual de concertos e actividades culturais. Ao abeiro deste convenio de cooperación, a orquestra desenvolve unha tempada estable con actuacións nos principais auditorios da provincia, entre as que destacan concertos temáticos como o do Festival Internacional de Cine de Ourense, entre outros.
Entre as súas iniciativas máis salientables atópase a Xira Ourensanía, un programa de concertos que leva a música sinfónica ás diferentes vilas da provincia, promovendo a descentralización cultural e o acceso á música para toda a cidadanía. Así mesmo, a orquestra impulsa proxectos educativos innovadores como “Curso de Perfeccionamento Orquestral” en colaboración coa Uned.
Grazas ao seu labor artístico, educativo e institucional, a Xove Orquestra Ourensanía consolidouse como un referente musical en Galicia, contribuíndo ao fortalecemento do patrimonio cultural e ao crecemento artístico da provincia de Ourense
Entidades Colaboradoras:

