Coral Santa Mariña

Nace en maio de 1997 a Asociación Cultural e Recreativa “Santa Mariña”, e dentro do seu propio seo, un grupo de amigos, xunto a colaboración da Parroquia de Xinzo de Limia, forman a Coral “Santa Mariña”, actuando en todos os actos relixiosos da vila, convertíndose en coral a catro voces mixtas, e tendo a súa presentación oficial o día 4 de Xaneiro de 1998, dirixido por Don Manuel Paradela Laxe.

A partires de 1999 realiza concertos intervindo en varios festivais da provincia de Ourense e tamén nos Concellos limítrofes. No mesmo ano, celebrando o “Día das Letras Galegas” no 75º aniversario do Centro Galego das Ramblas de Barcelona, da un concerto, actuando tamén ó día seguinte no Centro Galego de Mollet del Vallés.

Intervén en varias edicións de Festivais Corais da Deputación Provincial de Ourense, celebradas no Teatro Principal da capital, así como tamén na XIII Mostra da Canción Coral de Valdoviño. Tras o finamento de Don Manuel Paradela Laxe, continúa a sua activdade baixo a dirección de José Manuel Dopazo, de Paula Barge Carrete, e de Dona Lucía Rodríguez Carrera, continúa a súa andaina intervindo nos Festivais Corais de Panxoliñas de Caixanova de Vigo, e nos Internacionais de Música Coral de Auria Canta de Ourense.

Organiza e intervén no Festival Coral de Panxoliñas que, como cada ano, ven celebrando dende o ano 2001, e no Certame de Música Coral de Verán dende o ano 2007 na vila de Xinzo de Limia.

A coral edita un CD musical con 15 temas coa colaboración do estudo de gravación da RTVG. Colabora tamén na gravación doutro CD musical para a Asociación de Enfermos de Alzheirmer en novembro de 2011.

No ano 2016 Don Efrén Martínez Barja toma o relevo encargándose da Dirección da Coral. Participa no estreo do himno de Xinzo, xunto con María do Ceo e a Agrupación Musical da Limia. 

Dende decembro de 2017, coincidindo coa celebración do 20 Aniversario da Coral, a coral intégrase na ESMULI (Escola de Música da Limia), baixo a dirección de D. José Luis Tielas Santiago. Nesta nova traxectoria, a Coral Santa Mariña organiza o Festival Coral de Outono na vila de Xinzo de Limia, que xa vai pola súa V edición e continua coa sua actividade participando en numerosos festivais ao longo de Galicia e mesmo en Portugal e León. 

No 2021, os coralistas da Coral Polifónica Antioquía incorpóranse á Coral Santa Mariña, pasando a formar parte da actual formación.

Como membro da Agrupación Musical da Limia, ten participado en varios actos conxuntos coas outras formacións pertencentes á mesma,  Concerto “A Limia Máxica” no Mosteiro de Trandeiras (maio de 2021), Concerto Clausura Curso UNED no Teatro Principal de Ourense (xuño de 2022), e a serie de concertos coa Xove Orquestra Ourensanía que formaban parte do Programa “Emocións Sonoras” en Xinzo de Limia, Ourense e Ribadavia (xullo de 2024). 

Por último, no 2025 a dirección da coral recae en Don Miguel Ángel Guerra, consolidando o seu papel na escena coral galega.