Masterclass de Frauta Travesa con Lilit Stepanyan Tronina

A Agrupación Musical da Limia continúa reforzando a súa preparación para o World Music Contest Kerkrade 2026 coa incorporación dunha nova masterclass de alto nivel artístico e pedagóxico.
O vindeiro 16 de xuño, a Escola de Música da Limia (ESMULI) recibirá á prestixiosa frautista Lilit Stepanyan Tronina, quen impartirá unha xornada formativa dirixida ao alumnado de frauta travesa.
Nada en Izhevsk (Rusia), Lilit Stepanyan Tronina graduouse no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e completou a súa formación cun Máster en Xestión Cultural (Música, Teatro e Danza) pola Universidade Complutense de Madrid. Ao longo da súa carreira perfeccionou a súa técnica con destacados mestres internacionais como Joaquín Gericó, Susana Recio, Riccardo Ghiani, Claude Lefebvre ou Marieke Schneemann.
Como intérprete, formou parte de formacións como a Orquestra Metropolitana de Madrid, a Xove Orquestra da Comunidade de Madrid, a Orquestra Sinfónica da Universidade Complutense e a Orquestra do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. No ámbito da música de cámara integrou durante varios anos o dúo Musicart, recoñecido en diversos certames nacionais.
A súa experiencia docente é igualmente destacada, impartindo clases en escolas de música e conservatorios de diferentes comunidades autónomas. Na actualidade combina a súa actividade artística na Banda de Música de Salcedo (Pontevedra) coa docencia na Escola de Música da Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida de Matamá (Vigo), onde exerce como profesora de frauta, piano complementario e música e movemento.
Esta masterclass ofrecerá ao alumnado a oportunidade de traballar aspectos fundamentais da técnica instrumental, interpretación, musicalidade, control do son e preparación do repertorio, mediante sesións tanto individuais como colectivas.

Deja una respuesta