Masterclass de Trompeta con Víctor Manuel Fernández

A Agrupación Musical da Limia continúa reforzando a preparación da súa banda para o World Music Contest (WMC) Kerkrade 2026 coa incorporación de destacados profesionais do panorama musical galego. O vindeiro 7 de xullo, a Escola de Música da Limia acollerá unha Masterclass de Trompeta e Dirección impartida por Víctor Manuel Freire.

Titulado Superior en Trompeta polo Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela, Víctor Manuel Freire iniciou a súa formación na Banda Municipal de Vilanova de Arousa, onde tamén desempeñou funcións de mestre e subdirector. Ao longo da súa carreira completou a súa formación en dirección con mestres de recoñecido prestixio como Marcel Van Bree, Xosé Carlos Seráns, Javier Viceiro, Rafael Agulló, Andrea Loss, Xoán Lois Diéguez, David Fiuza e Douglas Bostock.

Como intérprete colaborou con numerosas formacións de referencia, entre elas as bandas municipais de Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Pontevedra e Santiago de Compostela, ademais da Banda Filarmónica de Galicia. Tamén foi membro fundador do Quinteto Santa Eulalia, galardoado pola Xunta de Galicia, e do Quinteto de Metais Samaín.

No ámbito da dirección, estivo á fronte da Banda da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia entre 2003 e 2019, período no que obtivo numerosos primeiros premios en certames galegos. Na actualidade dirixe a Banda de Música de O Grove e a Orquestra de Cámara da Escola Municipal de Música de O Grove, compaxinando esta actividade coa docencia en diferentes conservatorios e escolas de música.

Durante esta xornada de traballo, os músicos da Agrupación Musical da Limia poderán afondar na interpretación, a técnica instrumental e a preparación musical do repertorio co que a banda representará a Galicia no WMC Kerkrade 2026, beneficiándose da experiencia dun director e trompetista cunha ampla traxectoria artística e docente.

Esta actividade forma parte do plan de formación impulsado pola Agrupación Musical da Limia para afrontar nas mellores condicións un dos maiores retos da súa historia.

Data: 7 de xullo de 2026
Lugar: Escola de Música da Limia

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*